O que queda do naufraxio

sexta-feira, junho 02, 2006

Botella ao mar!


Onte tiven un día moi canso. Andei, como me pasa moitas veces, cargada de libros dun lado para outro, aturando o sol compostelán. Mais ao chegar á casa tiven a miña recompensa: entre as obras que collera, unha marabilla: un texto de Kalandraka chamado Artefactes que gañou o Premio Nacional ao libro mellor editado en 2003. A historia dun neno que atopa un libro nunha praia e ese libro narra outra historia: a dun cativo que tirou varias botellas ao mar, cada unha cun emburullo feito con tres páxinas do seu libro favorito. A edición realizada polos pontevedreses incita, ademais, a que os pícaros -últimos receptores- reconstrúan o que ocorre na obra, tentando imaxinar o que se agocha dentro desa boliña gardadora de historias que tamén reproduce -fisicamente- a edición. Un álbum ilustrado coma este é unha verdadeira alfaia que nos vén amosar aos adultos e adultas que a literatura infantil non é só un xogo de nenos. Á noitiña, na casa, puiden comprobar como todas tiñamos curiosidade por ver o que agochaba este Artefactes e non só iso: o libro foi a excusa axeitada para falarmos de se algunha vez escribiramos unha mensaxe nunha botella. Alguén confesou que si, que na súa inocencia de nena duns oito anos, o fixera varias veces, mais que nunca obtivera resposta. A min, volvéndome a pensar como cativa, sorprendeume non telo tentado nunca, aínda que maxino que sempre fun moi consciente das posibilidades que me daba a miña Ría, estupenda para o baño tranquilo, mais quizais pouco axeitada para imaxinar que a botella cruzaría o océano e chegaría a América -o soño de toda botadora de botellas ao mar. Logo, quixen pensar, para consolarme, que ao fin e ao cabo, un blog son tamén palabras que unha lanza cara ao mar para podelas compartir con outros.
Parafraseando a Benedetti, podería dicir entón que meto estas letras na miña botella ao mar co segredo desingio de que algún día chegue a unha praia case deserta e un neno a encontre e a destape e, en troques de versos, atope pedriñas e socorros e alertas e caracolas.

10 Comments:

  • At 10:44 AM, junho 03, 2006, Blogger Torreira said…

    Fermosa botella de ron a que escribiches,naufraga...

     
  • At 12:15 AM, junho 04, 2006, Blogger SurOeste said…

    Yahoooo!

    Hoxe chegoume unha botella cunha mensaxe de alén mar transportando imaxes moi simpáticas.

     
  • At 11:49 AM, junho 05, 2006, Blogger Pés de naufragha said…

    Alédome que che gustara a botella, Torreira. Suroeste, penso que compartimos a mesma mensaxe. Os océanos, ás veces, deitan na praia palabras que fan que a distancia sexa de milímetros.

     
  • At 12:50 AM, junho 06, 2006, Blogger Pablo said…

    Graciñas pola visita... calquera cousa que queiras saber sobre viaxar por eses paises, xa sabes.
    Saudos

     
  • At 2:28 AM, junho 07, 2006, Blogger torredebabel said…

    sabes? unha botella botada ao mar por nenos de Australia chegou o ano pasado ao sur da Arxentina. Unha amiga xornalista, contactou aos nenos australianos e comunicouos cos arxentinos e logo contou a historia. Unha experiencia marabillosa que nos tempos de internet xa se nos fai normal pero que, cando algún valente volve ao seu xeito orixinal, ainda fala da maxia da amizade ao lonxe.

     
  • At 11:44 AM, junho 07, 2006, Blogger Pés de naufragha said…

    Fermosa historia a que nos contas, Torredebabel. A min, que me encantan as cartas máis que nada no mundo, encántame saber, que os soños dos nenos aínda vogan en botellas tiradas ao mar.

     
  • At 12:31 AM, junho 10, 2006, Blogger Madeleine said…

    Que fermoso, náufrago! Eu e máis o meu irmán íamos hai anos a algunha presentación de libros a tocar a guitarra e máis uns djembés que trouxera o meu tío de Angola.
    Atopar unha botella é un soño, pero se segues lanzando esas botellas por acá será máis doado que me faga con algunha se cadra, non?

     
  • At 12:10 PM, junho 10, 2006, Blogger Torreira said…

    Dende Oia,naufraga,unha botella de retsina a sua saude

     
  • At 1:05 PM, junho 13, 2006, Blogger Pés de naufragha said…

    Espero que todos, e ti tamén, Madeleine, vaiades collendo todas as botellas que vou tirando, as que quedaron logo de naufragar. Se non o fixerades, todo perdería algo de sentido.

     
  • At 7:17 PM, outubro 04, 2006, Anonymous Anônimo said…

    Emociónanme os teus textos, levo toda a tarde metida no teu blog, publica xa o que escrebes non agardes máis...Aitana

     

Postar um comentário

<< Home