O que queda do naufraxio

domingo, agosto 13, 2006

Lume

Prometinme a min mesma que non ía falar dos incendios no blog. Quizais esta actitude fose unha sorte de autodefensa da realidade, un xeito algo parvo de pensar: "se non se fala diso, non existe". Mais os días pasan, a terriña segue ardendo e con ela os sentimentos e as ganas de contar. E estas xornadas nas que deixei as miñas Mariñas pola Mariña lucense, puxen cara e corazón a quen viña de ver o lume preto. Escoitei opinións, vin indignación e sentín raiba de abondo, pero nada me impactou máis como a historia dunha pequena aldea de Ponte Caldelas, onde as mulleres (todas elas viúvas) salvaron coas súas mans e con parte da súa alma as casas da queima. Alí non había nada: nin helicópteros, nin hidroavións, nin axuda externa. Só elas, o lume e a súa valentía.O que non puideron salvar foron as viñas, principal alicerce da súa economía. Este ano non haberá acios, pero elas, que son xenerosas, aínda dan grazas porque lles quedan os recordos, a afouteza e a dignidade, a pesar de que alguén se empeñara en queimar o seu lugar no mundo. Menos mal que ninguén lles poderá quitar o pedaciño de ceo que ven dende a xanela e que gañaron á forza un día en que o lume lles quixo roubar o que era tan xustamente de seu.
Por elas vai esta oración laica, por se alguén, nalgún lugar, escoita:

YOU SHALL OVERCOME
"Venceredes vós.
Pero nosoutros
temos da nosa parte
os carballos de abril,
as espadanas, a ouricela,
o pan de sapo, as beloritas,
a ra de San Antón, o vagalume,
a troita, a vacaloura,
o xabaril e o corzo,
o mascato e a rula.

Venceredes vós,
pero nosoutros
temos da nosa parte
o Cadramón, o Piapáxaro,
o Cabo de Home, a illa
de San Simón, o lusco, o fusco,
o Castromao, o Xallas, as lagoas
innumerables de Valverde,
ou de Antioquía, o labirinto
de Mogor, as encuastras
de Novelúa, o edículo
de San Miguel de Celanova,
o dolmen de Dombate.

Venceredes vós,
romperedes a infinda
cadea que nos une
coas trabes do mundo,
pero nosoutros
mergullamos a boca
nos mil ríos de sangue
que estercaron a patria,
e no noso partido
militan todos os defuntos
que nos poñen aínda
a bosta nas zocas,
o cheiro a argazo nos fuciños,
o trono da forxa nas orellas,
a terra que xa son ns unllas.
E as feridas de ferro
ou negro chumbo e pólvora
nos corazóns atribulados.

-D.X. Cabana. Cabalgada na brétema-

7 Comments:

Postar um comentário

<< Home